[GALICIAN LANGUAGE]
Se ben JUNG estudiou o inconsciente alén de Freud, non como formas de culpabilidade, nin enfermidade, etc. Senón como inconsciente colectivo e incluso, en grande medida productivo, manifestado en soños, mitos, relixións, etc. Non desatou verdadeiramente a potencia deste inconsciente e non terminou de soltalo das garras racionalizadoras do consciente sometendo igualmente o par (consciente/inconsciente) a un dos extremos, estructurando e coartando por tanto a capacidade productiva do desexo, limitándoa as manifestacións habidas como simboloxía, linguaxe xa dada, etc.Se quixeramos facer unha esquizoanálise do imaxinario occidental, das súas linguaxes e mitos, dos seus soños e desexos… poderiamos facelo, como fixo Jung, da nosa maxia e da nosa alquimia, da tradición esotérica e do tarot… mais como sería ese esquizoanálise e en que se diferenciaría da proposta de Jung?
Primeiramente, non cabería facer unha análise estructural-racionalista. Esta análise non nos serve para ABRIR e articular o inconsciente expansivamente, senón que o coarta e abigarra nas manifestacións xa dadas, estudándoas como necesarias e representativas de modelos arquetípicos, segundo a propia metodoloxía das ciencias naturais occidentais; que invaden, irrumpen e arranxan, a potencialidade creativa e productiva do inconsciente dende o consciente e racionalizador, coaptando o seu territorio, sobrecodificando os seus fluxos e os seus signos en modelo, representación e linguaxe. Mentres que inconsciente “non quere decir nada…” (AntiEdipo).
Como sería un LABORATORIO ESQUIZOANALÍTICO? Como manexaría as imaxes e traballaría co inconsciente? Dende logo, ao pensar o inconsciente como productivo fai falla un espazo de producción para estudiar o seu fenómeno e dar coas súas claves. Este espacio de produción aseméllase máis a un teatro, a unha escena ou PANTALLA, que a unha categorización, enciclopedia, saber racionalista e arquetípico sobre o mesmo.
Mais non calquera teatro. Non o teatro clásico e representativo que xa empregaba Freud para explicar o desexo. Non un teatro do Mesmo no que tódolos desexos representan no fondo unha mesma escena: Edipo matando ao pai, desexando á nai… senón pola contra un teatro contemporáneo, da non-representación, do corpo sen órganos, da alta definición, da imaxe-tempo, do xestos, da crueldade. Como sería este teatro? O que si que é certo no panorama contemporáneo é que non faltan en Artes Escénicas quen reivindique por aí a Deleuze, que si Foucault, que si o ver e o mirar, que si o PANÓPTICO, Artaud… cales son os vínculos e as posibilidades desta relación escena contemporánea – pensamento?
Outra cousa queda clara: se algo reivindicou Artaud foi a capacidade do cinema para conectar co pensamento e activalo, alén do consciente e da súa mecánica cotiá, deixalo absorto ante a súa incapacidade cotiá. Do mesmo modo o recolle en moi grande medida GODARD, nas súas Histoire(s) du cinema. Valerían entón estas referencias para conformar a CLÍNICA ESQUIZOANALÍTICA versada en teatro contemporáneo da non-representación, etc.? Pois se non valen, polo menos quedan moi preto, e incluso habería que sumar á tentativa, á proposta, o espazo do MEDIA-LAB, como Laboratorio dos Media, que xoga tamén entre a escena, a tecnoloxía, o software, a teoría un papel clave.
Proximamente, durante FEIRA IMAXINARIA poremos en acción un achegamento a este Laboratorio do Inconsciente en clave esquizoanalítica, ou ben digamos que de Filosofía-Teatro. A nosa disposición está: un módulo branco duns 6×6 aprox. sito no alg-a Lab de Valadares, diversa tecnoloxía dixital asociada ao evento (sobre todo a cargo de Olho Livre e Generatech), así como unha serie de artistas e investigador@s dispostos a traballar no tema. Por certo, segue aberta a invitación a colaborar. O propósito é que mediante a escena, as imaxes, a retransmisión das mesmas, etc. desenvolver un laboratorio esquizoanalítico do noso imaxinario (ou pola contra, facelo noso, por fin…). Un laboratorio no que o imaxinario se poña a proba; e incluso, se cree e se recree. Un espazo productivo pero tamén analítico; como se pode dar isto? Coido que este é no fondo o gran escollo: en que medida a produción, a creación está rifada coa análise e a coarta.
Mais vexamos; en vez de empregar o imaxinario para extraer del un material, empregaremos ese imaxinario, esa tradición, para aportar un material, como matriz productiva de creación e análise. Así por exemplo, comezaremos a traballar coas cartas do tarot (de Marsella…). O asombroso deste tarot non son tanto as súas imaxes, como o paradigma dende o que falan, as nocións que arrastran e conteñen. De feito, estas nocións están absolutamente contaminadas por arranxos populares e non tan populares, arranxos da mercadotecnia contemporánea e de certo ben-pensar da sociedade e do consumo que fan dixeríbel o indixeríbel; unha sociedade que quere “acceder ao oculto” sen verdadeiramente pasar por elo, sen in-comodarse… Por iso o primeiro paso é separar do tarot, neste caso, aqueles elementos que nos aportan unha visión nómada e desterritorializada do inconsciente e da súa productividade. Empregando e detectando onde se atopan conceptos esquizoanalíticos nas súas propostas; en vez de, claro está, facer unha representación teatral das súas imaxes (menos un tarot-filosófico que unha filosofía-tarot en tal caso…).
Isto foi que se intentou comezar xa nos dous post sobre o TAROT: o imaxinario e a sacerdotisa. Agora cómpre seguir esa análise e mellor ainda, ver como se integra en todo un espazo e un traballo de MEDIA LAB ESCENOGRÁFICO por desenvolver. Conceptos como os de CORPO SEN ÓRGANOS, IMAXE-TEMPO, ALTA DEFINICIÓN… daranse e estudiaranse neste LAB extraidos da lóxica esotérica da maxia e a alquimia. Mais non se estudiaran como conceptos a aprender-memorizar-reproducir; senón como conceptos-afectos, integrados no corpo sen órganos; comandos que nos permiten habitar un espacio, sentir ao noso arredor, estar atentos, encher o silencio; mirar e ser mirados, así como accionar e discursivizar tamén. Pois non se trata tampouco de elimina-la palabra ou o discurso; senón de inclui-lo TEXTO en resonancia coa imaxe, como dúas capas dun dobre tentáculo, que se carga recursivamente en circuito e no que a análise apóiase tanto na imaxe como a imaxe na análise; e non prima un dos aspectos sobre o outro. De feito, o que se libera neste circuito, ou o que iace e vive no seu interior, é a transmutación mesma, a alquimia, que transforma a enerxía: o pensamento en corpo, e o corpo en pensamento. Os dous atributos cognoscíbeis segundo Spinoza da substancia infinita; de que modo se relacionan? Se coñecer cada un por separado nos achega ao punto de vista absoluto; non nos achega tamén o coñecer a súa relación=transmutación? Creo que isto está máis preto do esquizoanálise e a filosofía-teatro que propón Deleuze-Guattari que calquera (ou moitas) críticas posíbeis ao mesmo. É tamén o paso da crítica á clínica como paso do paradigma do saber e reproducir ao aprender e producir.
Unha das claves do Laboratorio será a retransmisión streaming do mesmo, así como a versatilidade do programa de software libre DELVJ para mistura imaxe en directo así como para engadir texto á imaxe. Esta incorporación do texto é crucial tamén e clave para desenvolver o DOBRE TENTÁCULO (carta número 5) entre BIOPODER & ESPECTÁCULO. Pero é que a mera retransmisión en directo danos outra clave do LAB: o par virtual/real, que nos abre un novo xogo da asimilación da investigación como resultado e abre ao mesmo tempo a cuestión sobre a tecnoloxía. Retransmisión en tempo real dun pequeno espazo de paredes brancas con cámaras e non sabemos ainda que tecnoloxía (de audio, arduinos…) podería implementarse. En todo caso, cámara branca de revelados, en vez da cámara negra da fotografía, ou a caixa negra do teatro, un espacio de visibilización, de proxección e super/inter posición da imaxe. Unha serie de persoas estudando isto mesmo: o espectáculo, a súa impronta, e estudando por iso, o seus corpos, os seus afe3ctos, as súas imaxes: cómo se xeran e como se coordinan na matriz das cartas do tarot. Mais non nas súas escenas representadas, senón a través das forzas que as poboan e as atravesan.
O Laboratorio Esquizoanalítco é ao mesmo tempo: unha MÁQUINA DE PRODUCIÓN (NÓMADE) IMAXINARIA, un espazo de FILOSOFÍA-TEATRO, unha CLÍNICA DA RAZÓN, unha PROGRAMÁTICA DESEXANTE….